Friday 03 de May de 2024

O Concello finaliza a remodelación dunha superficie de máis de 600 metros cadrados na rúa Observatorio


As concelleiras de Barrio visitaron a zona na que se investiron 87.000 euros

As concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, visitaron esta mañá a rúa Observatorio, entre Canceliña e Gil Vicente, con motivo da finalización dos traballos que se iniciaron o mes pasado.
Cun investimento de 87.000 euros, os traballos consistiron na reparación de pavimentos de beirarrúas e vía, bordos, así como actuar na rede de pluviais. En total repúxose unha superficie de 408 metros cadrados de baldosa (que se completan con 134 metros lineais de bordo) e 225 metros cadrados de pavimento na calzada e zona de aparcadoiro.
Estes traballos súmanse á primeira fase da reforma desta vía, unha obra enmarcada dentro do Plan Urbana C e que supuxo un investimento de 69.477,84 euros. O proxecto incluíu a creación dunha plataforma única para favorecer a comodidade do usuario, con beirarrúas e vaos peonís máis amplos para mellorar a accesibilidade, seguindo así as directrices que xa se fixaron noutras actuacións de similares características, como a reforma integral da rúa Cuba -a rúa Observatorio contaba con dúas beirarrúas estreitas que dificultaban a mobilidade peonil-; máis zonas verdes e novo mobiliario urbano no ámbito da rúa Observatorio; e a execución da rede separativa de saneamento e canalizacións para iluminación e telecomunicacións das que carecía esta vía.
Todas estas actuacións completaranse coa adecuación dunha parcela do Observatorio, froito da negociación que se pechou co Ministerio de Medio para a súa cesión. O obxectivo é derrubar o muro perimetral que rodea o Observatorio para abrir aos veciños un espazo de case 2.000 metros cadrados no corazón do barrio do Agra do Orzán. As obras, cuxo inicio está previsto para o segundo trimestre de 2015, incluirán a instalación dunha área infantil, a urbanización do ámbito e a creación de 12 prazas de aparcadoiro en superficie, atendendo así ás demandas dos veciños de contar cunha nova zona de esparexemento.